


Ti, que es estudante de Secundaria, serás o principal beneficiado do proceso de reforma por varias razóns:
En primeiro lugar, porque os novos plans de estudo universitarios son máis racionais, están centrados na túa aprendizaxe, terás maior flexibilidade para cambiar de carreira, haberá etapas diferenciadas nos estudos que permitirán a túa mobilidade nacional e internacional e terás mellores programas de prácticas en empresa.
En segundo lugar, porque poderás adquirir unha titulación plenamente recoñecida nun espazo de 46 países e con máis de 700 millóns de habitantes, o que che permitirá a mobilidade laboral por toda Europa.
Entre outros beneficios, salientamos os seguintes:
Terás maior facilidade para cambiar de estudos dentro da túa universidade ou en calquera universidade española
A nova normativa que regula os estudos de Grao é máis flexible e facilita en moitos casos que, se unha vez comezada unha carreira universitaria queres cambiar a outra, se che recoñeza máis facilmente o aprobado na primeira; é dicir, que poderás modificar a traxectoria dos seus estudos sen que iso signifique perder anos de estudos.
Cos novos plans de estudos haberá máis materias comúns entre carreiras (transversais) e ademais será máis fácil comparar as materias de diferentes universidades, de modo que será máis doado que os créditos xa cursados sexan recoñecidos noutra carreira.
En todo caso, correspóndelles ás universidades regular con máis detalle esta cuestión e informar aos estudantes sobre todo o relativo ao recoñecemento de estudos. No novo sistema xa non será tan importante a similitude do contido da materia para que esta sexa recoñecida e serán máis importantes os resultados da aprendizaxe.
Terás maior facilidade para estudar no estranxeiro
Ao se utilizar en toda Europa o crédito europeo vai ser máis fácil, como ocorre agora cos estudantes Erasmus, que se che recoñezan os estudos realizados noutros países. Ademais, en todos os documentos asinados polos Estados membros do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) hai un compromiso para aumentar a mobilidade dos estudantes en Europa.
Cada vez máis países, destacando entre eles España, apoian con diñeiro o desexo dos seus estudantes de realizar parte dos seus estudos no estranxeiro. Así mesmo, dentro dos novos estudos de Grao é máis fácil incluír a posibilidade de estudar no estranxeiro.
E, por último, agora tamén é máis fácil cursar programas conxuntos nos que participen varios países e nos que poidas levar a cabo parte dos estudos noutra universidade dun país estranxeiro.
Terás maior facilidade para que recoñezan os teus estudos universitarios no estranxeiro
Un dos principais obxectivos que persegue a construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) é o de facilitar e promover a mobilidade dos estudantes universitarios.
Con todos os países no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) organizando os seus estudos do mesmo xeito, vai ser máis doado que poidas facer os teus estudos de Grao en España, realizar un Máster en Finlandia e obter un Doutoramento en Francia.
Todo isto sen ter que solicitar en ningún momento a homologación do título universitario no país en que desexes continuar os teus estudos.
Haberá máis calidade nos estudos universitarios
O novo sistema educativo estableceu normas para avaliar a calidade dos ensinos universitarios en España.
Antes de que os novos títulos se poidan impartir, débense someter a un proceso de verificación para comprobar que alcanzan a calidade necesaria.
Os títulos que cumpren os criterios son considerados oficiais e teñen vixencia por un período de seis anos, transcorrido o cal deberán pasar de novo un proceso de avaliación.
Os criterios aplicados na evolución dos títulos son os mesmos que se aplican nos países europeos que forman parte do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) .
Consultar Información sobre a Mobilidade dos estudantes universitarios