


MOBILIDADE DOS ESTUDANTES UNIVERSITARIOS
Unha das razóns que sustentan o proceso de Boloña é a eliminación das barreiras á mobilidade.
Está xeralmente recoñecido que a mobilidade é unha práctica desexable na formación universitaria e un medio de incrementar a calidade e diversidade das ensinanzas recibidas. O beneficio que representa a mobilidade alcanza o mesmo aos estudantes que aos Centros de Educación Superior.
A creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a mobilidade son actividades que se complementan, de forma que o desenvolvemento do primeiro potencia a outra.
Mobilidade entre universidades españolas
Para apoiar a mobilidade de estudantes entre universidades españolas existe un Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios de España (SICUE), destinado a incrementar a diversidade e amplitude da oferta educativa na educación superior, facilitando que unha parte dos teus estudos poidas seguilos en universidades distintas da que te matriculaches, con recoñecemento inmediato no teu expediente académico dos créditos cursados, consolidando así un sistema universitario español máis permeable e comunicativo.
Co obxecto de apoiar a iniciativa SICUE, o Ministerio de Ciencia e Innovación dispón dun programa de bolsas denominadas "Séneca"", consistente en facilitarlles axudas económicas aos estudantes universitarios para cubrir os gastos de desprazamento e estadía durante o período de estudos noutra universidade.
Con estas axudas, promóvese e facilítase a aplicación dun dos principios inspiradores da Declaración de Boloña: a eliminación de todos os impedimentos que dificulten a libre circulación de estudantes, así como conseguir a equivalencia e compatibilidade dos sistemas de ensino no espazo europeo, garantindo o libre acceso ao estudo, á formación e ao perfeccionamento profesional tanto a profesores como a estudantes.
Mobilidade internacional
A mobilidade ten unha repercusión -persoal, académica e profesional- en quen a practica sobradamente recoñecida na sociedade.
O proceso de Boloña favorece a mobilidade e reforza o obxectivo da Unión Europea (UE) de que a mobilidade no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) deixe de ser unha excepción para se converter en norma.
A mobilidade en xeral ofréceche:
O programa Erasmus
O programa ERASMUS funciona dende hai máis de 20 anos, contribuíndo así á construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Máis de dous millóns de mozos e mozas foron bolseiros ERASMUS, dos cales case un 15% son españois.
Ademais, o 90% dos estudantes ERASMUS consideran o seu período de mobilidade como positivo ou moi positivo.
Durante o último curso 2007-2008, máis de 25.000 estudantes realizaron un semestre ou un curso completo nunha universidade europea. E máis de 27.000 estudantes europeos viñeron ás nosas universidades.
A mobilidade e a construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) son conceptos inseparables e a participación de alumnos e profesores españois nese proceso foi, e seguirá a ser, definitiva.
O Ministerio de Ciencia e Innovación destinará, neste curso 2008-2009, 66 millóns de euros para complementar as axudas á mobilidade da Unión Europea (UE).
Se queres máis información sobre o programa ERASMUS, podes visitar a web do Organismo Autónomo de Programas Europeos.