


No novo sistema educativo o protagonista no proceso de aprendizaxe es ti e non o profesor. A medición da túa aprendizaxe faise mediante o sistema de créditos europeos, orientados a que adquiras non só coñecementos teóricos, senón tamén habilidades e capacidades xerais e específicas que che permitan un mellor acceso ao mercado laboral.
Ademais, a nova forma de ensino vaiche permitir unha maneira de estudar máis autónoma, máis reflexiva e multidisciplinar, máis cooperativa e máis práctica, co obxectivo de formar profesionais críticos, creativos e independentes, capaces de resolver problemas e de continuar aprendendo ao longo da vida.
O obxectivo é que adquiras uns hábitos de formación e traballo continuos para que a formación sexa unha constante ao longo da túa vida e non só na Universidade.
A través deste novo sistema de aprendizaxe redúcense as horas das tradicionais clases maxistrais e foméntanse as clases participativas en forma de seminarios, grupos reducidos, debates e exposicións orais.
O profesor ha guiarte no proceso, pero es ti o que terá que opinar, resolver, consultar e poñer en práctica todo o que aprendiches.
Todo o traballo realizado na casa, na universidade ou durante as prácticas será necesario para acadar os obxectivos fixados no título e será contabilizado nos créditos europeos.